No informativo de hoxe repasamos a actualidade da Estrada e da comarca con múltiples protagonistas e novidades destacadas.
Abrimos coa inauguración da renovada Praza de Galicia, que terá lugar este sábado ás 10 da mañá, e coa publicación da listaxe de persoas beneficiarias do Bono Social Térmico 2026. Ademais, coñecemos os detalles do XV Raid Hípico Festa do Salmón, que se celebrará o 16 de maio de 2026, e a nova imaxe coa que Tequexetéldere acudirá ao Festival Intercéltico de Lorient. Tamén destacamos a visita da estradense Cristina Terceiro ao Vaticano, onde saudou ao Papa León XIV, e o peche da cuarta edición da Escola de Familias do IES Antón Losada Diéguez cunha charla sobre orientación académica.
Na sección de comarcas, seguimos a ruta gastronómica O Sabor das Rías Baixas, que chega a Mondariz, Barro e Silleda tras repartir máis de 57.000 degustacións, e achegámonos á novena edición de DEZARTE, que reúne artistas da comarca do Deza na Bandeira.
En deportes, o CD Estradense entrega os premios ao comercio e hostalaría polo apoio no anterior playoff e presenta a nova campaña de promoción. Ademais, avanzamos os detalles da 13ª Estranoite, a carreira nocturna previa ás festas de San Paio, e do Torneo Benxamín Concello da Estrada, que reunirá 35 equipos de grandes canteiras de España e Portugal.
