RadioEstrada

Informativos Radio Estrada

No informativo de hoxe repasamos unha xornada marcada por incidencias, anuncios institucionais, novidades culturais e unha importante vitoria deportiva. Comezamos cunha avaría eléctrica que deixou sen subministro varias vivendas na contorna da avenida Benito Vigo e da rúa do Matadoiro. Falamos tamén do 50º Concurso de Pesca do Salmón no Ulla, que rematou sen capturas nunha edición marcada pola escaseza da especie, aínda que con tres estradenses dominando o podio.

A carpa do Salmón xa está en instalación e unha cadea de supermercados colaborará na elaboración dos pratos da festa. O Concello recomenda mercar anticipadamente os tickets das racións, dispoñibles por 4 euros. Ademais, a Deputación anuncia un investimento de 432.000 euros para crear unha senda peonil entre o Alto da Cruz e Matalobos.

Recollimos tamén as queixas de veciños pola falta de mantemento no cemiterio municipal e a posta en marcha dun servizo de transporte baixo demanda para mellorar a mobilidade no rural. No ámbito social e institucional, destacamos a visita da estradense Cristina Terceiro ao Vaticano, onde saudou ao Papa León XIV, e a confirmación das datas da Feira do Moble de Galicia, que celebrará a súa 38ª edición do 17 ao 20 de setembro.

En comarcas, analizamos un estudo de memoria histórica que documenta 174 vítimas da represión franquista na Estrada e máis de 500 na comarca. Silleda anuncia melloras nos centros sociais de Ponte, Fiestras e Cervaña, e Forcarei, A Lama e Cercedo-Cotobade únense para impulsar O Seixo como destino turístico.

E en deportes, a vitoria do Estradense por 3-1 fronte ao Barco permítelle ao equipo de Manuti clasificarse para o playoff de ascenso a Segunda Federación. O primeiro duelo será contra o Arteixo. Escoitaremos as Valoracións do Adestrador, do Presidente máis do Capitán a pé de campo.


https://www.ivoox.com/informativos-radio-estrada_mf_173478740_feed_1.mp3

Scroll al inicio