Nesta edición falamos do Fam Trip Os Camiños por dentro, que percorrerá a comarca do 19 ao 21 de maio con visitas, gastronomía e turismo rural. Ademais, coñecemos os detalles da II edición do Festival de Bandas de Música da Estrada, dedicado este ano a Grova.
A actualidade da Festa do Salmón chega con novidades: a instalación da carpa, o inicio da fin de semana de tapeo e a venda dos 3.000 tickets para degustacións. Tamén repasamos os concursos de pesca no Ulla e a protesta convocada por ecoloxistas en Pontevea.
No ámbito social, a Oficina de Consumo alerta sobre unha empresa que ofrece instalar postes de telefonía asegurando ter permisos municipais. A Fundación Cultural da Estrada achega o seu labor ao alumnado do IES Antón Losada, mentres que a fin de semana cultural trae teatro, música e o concerto de De Vacas. O IES Avelina Valladares prepara un gran festival musical polo Día das Letras Galegas, e Chelo do Rejo será a pregoeira da Festa do Año ao Espeto de Loimil.
Na sección comarcal, coñecemos a viaxe institucional do Fondo Galego a Guatemala, a licitación do novo centro de saúde de Teo, o 25º aniversario de Protección Civil de Cerdedo-Cotobade e a apertura do prazo do Concilia de Verán en Vila de Cruces.
Pecha o informativo o deporte: o CD Estradense xógase o pase ao playoff no derradeiro partido de liga fronte ao CD Barco este domingo ás 18:00h. O presidente Toño Camba anima á afección a encher o Novo Municipal e apoiar ao equipo.
