No informativo de hoxe da Radio Estrada abrimos cun balance político clave: cúmprense dous anos do relevo na Alcaldía, cando Xosé López marchou á Xunta e Gonzalo Louzao asumiu o bastón de mando. O actual rexedor analiza este período, reivindicando estabilidade, continuidade e avances en proxectos estratéxicos, nun contexto xa marcado polo ambiente preelectoral.
A actualidade local chega tamén cun suceso en San Miguel de Castro, onde unha veciña tivo que ser trasladada ao hospital tras unha presunta agresión. Ademais, coñecemos o novo taller de emprego que formará vinte persoas desempregadas e permitirá mellorar áreas verdes no rural, así como a celebración dos Premios Abadesa Mariana e o triunfo de Tomás Portela e Brais Fernández no concurso de solistas da Banda Municipal.
Na comarca, Caldas de Reis avanza nunha alternativa viaria de 12 millóns de euros e Forcarei logra financiamento para rehabilitar as antigas casas dos mestres e crear dez vivendas públicas.
En deportes, repasamos con Rafa Vázquez todos os resultados da fin de semana, coa vitoria do CD Estradense no Día do Socio e a súa entrada en postos de playoff. Ademais, seguimos a Adventure Galicia, o triunfo de Adam Yates en O Gran Camiño e o excelente papel dos deportistas estradenses no Campionato de España de salvamento e socorrismo e no Trofeo Germán González de atletismo.
Un informativo completo, con política, sociedade, comarca e deporte, para estar ao día do que acontece na Estrada e arredores.
