Cúmprense dous anos desde que se produciu o relevo á fronte do Concello da Estrada, cando Xosé López deixou a Alcaldía para incorporarse á Xunta de Galicia e o actual rexedor, Gonzalo Louzao, asumiu o cargo. Coincidindo con esta data e durante un almorzo con xornalistas locais, Louzao fixo esta mañá un balance do período transcorrido, no que situou a estabilidade institucional, a continuidade do proxecto político e os avances en iniciativas clave como eixos fundamentais da súa xestión.
O alcalde destacou que estes dous anos permitiron asentar bases importantes para o futuro da vila, ao tempo que se deron pasos para atender demandas históricas da veciñanza. Entre as ideas que puxo enriba da mesa, subliñou o impulso a investimentos, a mellora de servizos municipais e a xestión diaria como elementos que, segundo explicou, consolidan o rumbo marcado polo seu equipo.
Nun contexto xa claramente preelectoral, Louzao tamén fixo referencia ao horizonte político inmediato, apuntando que as eleccións do vindeiro ano serán decisivas para determinar a continuidade do proxecto iniciado tras o relevo de 2024. O rexedor insistiu en que o traballo realizado nestes dous anos é a mellor carta de presentación para encarar esa cita.
Se queres coñecer con detalle todas as reflexións, explicacións e matices do alcalde, recomendámosche escoitar a conversa completa, dispoñible xa en iVoox

