RadioEstrada

Informativos Radio Estrada

No informativo de hoxe repasamos a actualidade da Estrada e comarca. As obras do Albergue de Sabucedo botan a andar cunha intervención centrada na eliminación de humidades e na posta a punto integral dun edificio clave para o turismo local. Ademais, a Festa do Salmón continúa tomando forma: Concello e hostaleiros avanzan na organización e confirman que quince locais ofrecerán tapas especiais.

A empresa A Estrada Dixital lanza unha alerta ante posibles estafas telefónicas que suplantan a compañía, lembrando que non solicita cambios de router nin modificacións de tarifas por chamada. Na parroquia de Souto nace a Asociación Cultural e Veciñal Fonte Barreira de Terreboredo, que asumirá a organización da quinta edición de O Mar en Terra os días 2 e 3 de maio.

As entidades Coto Manguelo, Mulleres Rurais de Codeseda e Veciños de Ribela anuncian excursións para as vindeiras semanas con destinos como Lugo, Portugal e as Rías Baixas. E a Banda Municipal da Estrada presenta este sábado no Teatro Principal o concerto A Estrada: luz e son.

Na comarca, a área compostelá prepara unha forte expansión industrial con 4 millóns de metros cadrados de novo solo, mentres que en Silleda se inaugura a reforma do Pavillón da Bandeira, financiada pola Deputación. A Xunta, pola súa banda, anuncia unha oferta récord de case 12.000 prazas para actividades de verán.

En deportes, o Estradense métese en play off a falta de tres xornadas e encara un domingo decisivo no Novo Municipal. Incluímos tamén a conversa mantida esta mañá con Manuti, adestrador do club.


https://www.ivoox.com/informativos-radio-estrada_mf_172278495_feed_1.mp3

Scroll al inicio