
A Estrada xa quenta motores para a súa gran cita gastronómica e festiva. O exxogador internacional de baloncesto Fernando Romay Pereiro será o encargado de pronunciar o pregón da 52ª Festa do Salmón, que se celebrará o vindeiro 17 de maio no Teatro Principal.
Romay, cunha destacada traxectoria no Real Madrid entre 1976 e 1993 e medalla de prata nos Xogos Olímpicos de Los Ángeles 1984, recibirá tamén o Salmón de Ouro, a máxima distinción que concede o Concello.
O alcalde, Gonzalo Louzao Dono, foi o encargado de anunciar os nomes dos galardoados, destacando que a elección do deportista responde aos valores que representa: “perseveranza, esforzo e superación”, en sintonía co simbolismo do salmón.
Xunto a Romay, serán distinguidos este ano:
- Elvira Fernández Díaz, exalcaldesa da Estrada entre 1987 e 1991 e primeira muller en ocupar o cargo no municipio.
- Darío Loureiro Carbia, actor recoñecido co Premio Mestre Mateo 2025 á mellor interpretación masculina pola serie Rapa.
- Ariadna Silva Fernández, premiada este ano nos Mestre Mateo polo traballo audiovisual 360 curvas.
- A Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), entidade formativa de referencia en Galicia con sede na Estrada desde 1992.
O acto institucional, aberto ao público, comezará ás 12.00 horas e incluirá o pregón e a entrega das insignias Salmón de Ouro, nun dos momentos centrais dunha festa que volve poñer en valor un dos símbolos máis recoñecibles da Estrada.