RadioEstrada

Informativos Radio Estrada

Arrincamos o informativo pendentes de Sabucedo, onde unha reunión clave decidirá se se modifican os horarios dos curros da Rapa das Bestas ante a vaga de calor prevista para esta fin de semana. A festa, que contará con medios de comunicación de nove países, celebrará mañá a súa tradicional gala, na que serán homenaxeados Adolfo Cabada e Kike Vázquez.

Na Estrada, o Concello abre o novo punto de información turística no Pazo de Oca, buscando aproveitar a chegada dos máis de vinte mil visitantes anuais deste emblemático xardín. Tamén lles contamos que sae a poxa unha nave industrial en Lagartóns, cun prezo de saída de 195.000 euros, dentro dun procedemento xudicial para saldar unha débeda superior aos 693.000 euros.

En Comarcas, Cuntis converterase este sábado no punto de encontro de palilleiras de toda Galicia coa primeira Xuntanza de Labores, unha cita que reivindica a artesanía e a tradición. En Caldas de Reis, o municipio será o primeiro en estrear Local Node, unha nova plataforma dixital que conectará veciñanza, comercio e oferta turística.

No eido deportivo, o Estradense impulsará nas súas redes sociais contidos sobre a historia e as figuras destacadas da cultura local. E, noutro ámbito, a Xustiza declara en concurso de acredores á Federación Galega de Ciclismo.


https://www.ivoox.com/informativos-radio-estrada_mf_176621106_feed_1.mp3

Scroll al inicio