RadioEstrada

Informativos Radio Estrada

A Estrada foi hoxe escenario do acto institucional de homenaxe ás policías locais de Galicia, celebrado na Academia Galega de Seguridade Pública coa presenza do presidente da Xunta, Alfonso Rueda. A xornada serviu para recoñecer a traxectoria de numerosos axentes e dar a benvida ás novas promocións de mandos policiais.

Neste informativo tamén falamos do accidente rexistrado en Berres, onde unha persoa resultou ferida tras envorcar un turismo; da visita de responsables da Consellería de Educación para supervisar a rehabilitación da biblioteca do IES Manuel García Barros Pérez Viondi; e do balance da Oficina Municipal de Turismo, que pechou a tempada con 708 visitantes atendidos.

Ademais, abordamos a apertura do prazo para solicitar as axudas municipais destinadas á compra de libros, material escolar e comedor; a denuncia do PSOE estradense por quedar o municipio fóra do novo plan de residencias públicas da Xunta; e as propostas culturais e de lecer para a fin de semana, con concertos corais, danza ao aire libre, un obradoiro de cómic e a Festa do Lacón de Couso.

Na información comarcal repasamos o novo desenvolvemento urbanístico previsto en Lalín, os investimentos de Silleda en núcleos rurais e a celebración da Xornada Galega de Novas Tecnoloxías Intermax na Feira Internacional de Galicia ABANCA.

O bloque deportivo inclúe a actualidade da selección española de bádminton, a previa do encontro entre o CD Estradense e o Racing Club Vilalbés, a axenda deportiva da fin de semana e o protagonismo dos atletas do Atletismo A Estrada no Galego sub-20 de clubs, ademais das axudas concedidas pola Deputación aos clubs deportivos do municipio.


https://www.ivoox.com/informativos-radio-estrada_mf_181936049_feed_1.mp3

Scroll al inicio