A actualidade deste informativo vén marcada polos efectos do temporal na Estrada, que deixou árbores caídas, anegamentos e incidencias en postes e cableado en distintos puntos do municipio.
Ademais, repasamos a visita da conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, para supervisar o inicio das obras da senda peonil da PO-841; a presentación dunha nova edición do Festival de Danza Contemporánea 6 Coreógrafas; e a reunión convocada en Ouzande arredor da liña eléctrica de alta tensión A Estrada-Paizás.
Tamén falamos das afeccións ao tráfico na rúa IRYDA polos traballos que a compañía R realiza nunha arqueta, do acondicionamento do antigo xulgado para acoller a Unidade de Atención Temperá, que multiplicará a súa superficie, e do obradoiro de cómic programado pola Biblioteca Municipal para o vindeiro 9 de maio.
No apartado comarcal, informamos da caída dun andamio sobre a fachada traseira da Casa de Álvaro en Lalín, dos avances na protección da necrópole medieval da Praza da Igrexa en Silleda e da posta en marcha dun punto limpo móbil en Caldas para facilitar a reciclaxe nas parroquias rurais.
