RadioEstrada

Informativos Radio Estrada

A actualidade da xornada vén marcada polo pasamento de Pedro Leis Camba, coñecido popularmente como Ben Barek, unha das figuras históricas da Estrada. Futbolista do Estradense nos anos cincuenta, impulsor do campo da Baiuca e referente da vida social e asociativa do municipio, faleceu ós 95 anos deixando unha fonda pegada na memoria colectiva estradense.

Ademais, falamos da desarticulación dunha banda á que se lle atribúen catro roubos en vivendas da Estrada e outros tres nas comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes, nunha investigación que continúa aberta.

Repasamos tamén un novo accidente sen feridos rexistrado esta mañá na EP-8401, en San Xurxo de Vea; a recepción oficial a Iziar Barcala tras proclamarse campioa de España sub-19 de bádminton; e os datos de atención do Centro de Información á Muller, que atende neste 2026 a 158 usuarias e xestionou 419 consultas, delas 102 relacionadas coa violencia de xénero.

No espazo cultural, abordamos a conmemoración do 25-N coa lectura dun manifesto e un acto simbólico na Praza do Concello; a charla de seguridade para persoas maiores organizada pola Garda Civil na Oca; o novo recoñecemento acadado polo compositor estradense Juan Núñez coa obra Ulla; e o concerto familiar de Uxía Lambona e a Banda Molona dentro da programación do Circo no Camiño.

Na información comarcal, achegámonos á mobilización educativa convocada en Vila de Cruces e á nova etapa de Pedro Villarroel á fronte da Banda Artística de Merza.

E no deporte, coñecemos os resultados dos representantes do Tenis Recreo Cultural no Master Galego Absoluto e repasamos a destacada participación de seis atletas do Atletismo A Estrada no Cros Internacional de Atapuerca.


https://www.ivoox.com/informativos-radio-estrada_mf_184300346_feed_1.mp3

Scroll al inicio