Neste informativo repasamos a actualidade da Estrada e da comarca, marcada polas consecuencias do temporal e polas queixas veciñais polo estado dalgunhas infraestruturas. Falamos dos dous accidentes rexistrados en poucos días na estrada entre Portela e Souto de Vea, unhas incidencias que reavivan as demandas para mellorar a seguridade da vía. Ademais, facemos balance dos danos provocados polo temporal no municipio, con árbores caídas, roturas de tubaxes e diversas incidencias en distintos puntos do concello.
Tamén destacamos a celebración do Día da Infancia na Escola Infantil Municipal da Estrada, cun programa de actividades e unha campaña solidaria a beneficio de Cáritas. Recollémosvos a visita do deputado provincial Javier Tourís á Asociación de Mulleres Rurais Santa Clara de Ancorados e informamos da convocatoria dunha nova edición dos premios literarios Manuel García Barros e Alberte Quiñoi, que repartirán 13.000 euros en galardóns.
Na axenda cultural, os Minicines Central proxectan catro películas finalistas dos Premios Mestre Mateo e o Centro Sociocomunitario da Estrada celebra o seu tradicional magosto con castañas, música e xogos.
No apartado comarcal, falamos da denuncia presentada polo Concello de Valga tras unha vaga de actos vandálicos contra o patrimonio público; da alerta por roubos en vivendas lanzada pola asociación veciñal de San Pedro de Losón, en Vila de Cruces; do recoñecemento recibido por Silleda pola súa aposta polas enerxías renovables; da manifestación convocada polas comunidades educativas de Vila de Cruces en defensa do ensino público e da proposta do Concello de Teo para asumir o custo íntegro da liña 12 de transporte aos hospitais.
Nos deportes, destacamos a presenza de seis atletas da canteira do Club Atletismo A Estrada no Campionato de España de campo a través que se celebrará en Atapuerca e a convocatoria de Andrés Carballeda, do Club Natación y Salvamento A Estrada, para unha concentración nacional en Valladolid.
Toda a información local e comarcal, ao detalle, neste novo informativo de Radio Estrada.
