RadioEstrada

Informativos Radio Estrada

Neste informativo local repasamos os principais asuntos da actualidade da Estrada e da comarca. Abrimos coa sinatura do convenio polo que a Xunta achegará 400.000 euros para renovar a área recreativa da praia fluvial do río Liñares. Tamén falamos do avance das obras de mellora das cunetas na estrada provincial entre O Sol e Pardemarín, xa na súa recta final, e da nova xornada de convivencia veciñal que se celebrará este sábado na Estrada con actividades para todas as idades.

Ademais, contamos os detalles da conmemoración do Día Mundial do Urbanismo, cunha exposición dedicada á evolución da vila a través de 14 edificios históricos; analizamos as críticas formuladas polo PSOE sobre a repercusión da suba de SOGAMA e repasamos a intensa programación cultural dos próximos días, que inclúe o concerto do 30 aniversario da Coral Polifónica Estradense, teatro, música, humor e propostas nas parroquias.

No ámbito cultural e social destacamos a visita do grupo De Vacas ao Obradoiro de Música Moderna Carlos Barruso, os magostos previstos en Matalobos e Ouzande, o inicio dunha nova tempada para Bonsái A Estrada e a participación de Carla Rey no certame Miss RNB Galicia.

Nas comarcas falamos do incendio que destruíu un alpendre en Filgueira, da continuidade da docencia telemática de latín e grego no IES Marco do Camballón, da reunión informativa sobre o programa Vacacións en Paz en Cerdedo-Cotobade e da última andaina do ciclo Vémonos no Camiño entre Bandeira e Ponte Ulla.

E no bloque deportivo, repasamos os preparativos da gran festa do Estradense para regresar ao Novo Municipal, a previa do encontro fronte ao Gran Peña, os cambios no atletismo estradense tras seis anos de vinculación co Ourense Atletismo e a aventura dos equipos da Estrada e Silleda no Chatarras Raid con destino a Marrakech.


https://www.ivoox.com/informativos-radio-estrada_mf_183414707_feed_1.mp3

Scroll al inicio