RadioEstrada

Informativos Radio Estrada

Neste informativo abrimos cun balance dos investimentos da Xunta, que reserva preto de 21 millóns de euros para A Estrada e sitúa o investimento por habitante da comarca por riba dos 4.500 euros.

Falamos tamén da polémica arredor da gasolineira proxectada na Baiuca. A asociación A Galiña Azul reclama unha ampliación do prazo de alegacións, mentres que o BNG reuniu á veciñanza nunha concentración de protesta contra esta iniciativa.

Ademais, achegámonos á preocupación da asociación ALERTA Terra de Montes polos novos proxectos eólicos e pola liña de alta tensión prevista na contorna do Monte Cabalar.

No ámbito feiral, coñecemos os detalles da unión da Feira de Antigüidades e do Salón Motor Classic, unha cita que converterá A Estrada nun referente para coleccionistas e afeccionados ao motor clásico. Tamén repasamos os galardóns dos Premios San Martiño 2026, que distinguirán á Asociación Cultural Coto Manguelo, á Agrupación Leilía e a e-Ferro.

A cultura será protagonista coa presentación do festival Lume na Lareira, previsto para o 14 de novembro, e co inicio do ciclo de teatro organizado polo Concello con motivo do 25-N, destinado á sensibilización contra a violencia machista.

Pechamos a información local coa presentación da gala solidaria Papá Noel da Fundación Andrea, que se celebrará o vindeiro 20 de decembro.

Nas comarcas, destacamos a bonificación do 95% do imposto de obras para mozas e mozos menores de 40 anos en Lalín, a recuperación da Senda dos Pescadores do río Almofrei en Cerdedo-Cotobade e os investimentos de Valga para mellorar o polígono industrial de Campaña.


https://www.ivoox.com/informativos-radio-estrada_mf_182629263_feed_1.mp3

Scroll al inicio