RadioEstrada

24 de Setembro

Actualidade Mediodía – 24 de setembro de 2026

O informativo de Radio Estrada aborda hoxe os efectos que a seca e as altas temperaturas están a ter na campaña da mazá de sidra. A abundancia de froita nos pomares estradenses contrasta coa preocupación do sector pola redución do zume e polos danos provocados polo sol. Analizamos a situación con Miguel Soto, técnico de Unións Agrarias.

Na actualidade local, contamos tamén as afeccións das obras da AG-59, que obrigarán a cortar durante o día o viario entre Vilacriste e Couso durante aproximadamente un mes. Ademais, o Concello estuda posibles cambios na circulación na contorna de Gradín, San Paio e Catro Camiños, entre eles a instalación dunha rotonda, e organiza para o luns 28 un taller informativo sobre os trámites posteriores á regularización de persoas migrantes.

Na axenda cultural, Orazo prepárase para unha nova edición da súa Mostra de Teatro Afeccionado, con sete representacións ao longo de tres xornadas. Na información comarcal repasamos o accidente dun camión na estrada entre Lalín e Rodeiro, sen feridos; a petición de información do Concello de Teo sobre os cambios previstos nas liñas de autobús dos Tilos; e a renovación do Miradoiro de Gundián, en Vedra.

Nos deportes, coñecemos os detalles das Games Series Hybrid, que reunirán na Estrada unha competición que combina carreira, forza e resistencia. Falamos tamén da campaña de captación de novos xogadores e xogadoras impulsada pola Escola de Baloncesto da Estrada, especialmente dirixida á rapazada de 10 e 11 anos.

Completamos o programa coa previsión meteorolóxica, a farmacia de garda e a nosa efeméride musical, dedicada ao aniversario da publicación de Nevermind, de Nirvana.

Actualidade Mediodía, o informativo de Radio Estrada. O que pasa na Estrada e arredores, pasa por aquí.


https://www.ivoox.com/24-setembro_mf_181144604_feed_1.mp3

Scroll al inicio