A actualidade deste martes chega marcada por un accidente no Castroloureiro, que provocou importantes retencións durante unhas catro horas, aínda que afortunadamente non houbo feridos. Tamén repasamos os investimentos municipais anunciados hoxe: dúas mesas de contratación que mobilizan máis de 1,2 millóns de euros para asfaltados e a adxudicación dun camión 100% eléctrico destinado á recollida de biorresiduos.
As chuvias deixaron un pequeno respiro na situación de seca, mentres que 57 veciños da Estrada poderán beneficiarse do programa provincial de termalismo +Benestar. No ámbito social, ACOE prepara unha minifeira da Volta ao Cole, e en San Miguel de Castro xa colgaron o cartel de completo para a excursión a Asturias prevista para o 26 e 27 de setembro.
En comarcas
A seca continúa condicionando a actualidade. Ames mantén todas as restricións de auga ante a falta de recursos. En Teo, a mirada ponse na celebración da XXV edición do Concurso Morfolóxico Cabalar de Ribas, que reunirá de novo aos amantes do mundo ecuestre.
En Valga, unha trintena de espazos compiten por ser os mellor coidados pola veciñanza, nunha iniciativa que recoñece o compromiso coa mellora dos lugares.
E a Deputación de Pontevedra esgotou en menos dun día todas as prazas do programa +Bosques para setembro, mostrando o interese polas actividades de natureza.
En deportes
A estradense Iziar Barcala pecha a súa participación no Campionato Europeo Júnior de Bádminton, caendo nos dobres nun axustado terceiro set por 21–19.
O CNS A Estrada destaca tanto na tecnificación de praia como no Circuíto Galego de Augas Abertas.
