A actualidade deste luns chega con movemento nas infraestruturas e servizos municipais da Estrada, e tamén con proxectos que quedan definitivamente atrás. O proxecto eólico Pico Touriñán queda arquivado, mentres avanzan novas actuacións para mellorar camiños e espazos municipais en Callobre e se anuncian obras de conservación nas estradas provinciais.
Tamén lembramos que hoxe remata o prazo para optar á poxa de cinco terreos rústicos no municipio. No ámbito político, o BNG pide explicacións á Xunta pola situación do IMELGA e reclama garantías para que A Estrada non perda servizos esenciais.
A xornada deixa tamén espazo para a cultura e a memoria local: presentáronse no Concello a andaina teatralizada “Os Camiños da Memoria”, promovida por Agadea, e os Premios Simbad, dúas iniciativas que poñen en valor a historia, a participación e o talento da contorna.
En comarcas
O BNG alerta dunha posible crise forraxeira no Deza, Tabeirós e Terra de Montes debido á seca, e reclama medidas de apoio ao sector gandeiro. En Cerdedo, a cultura será protagonista coa chegada de “Retrincos de Castelao”, o espectáculo de Artefeito que achega, desde o humor, a visión do autor sobre Galicia.
E en Dozón, a Bonoloto deixa máis de 58.000 euros grazas a un boleto selado no bar Cantón.
En deportes
A estradense Iziar Barcala pecha o cadro individual do Europeo e céntrase agora nos dobre. O CD Estradense continúa a pretempada e repasamos o triangular disputado o sábado en Cambados.
Ademais, o Campus Deportivo de Verán trasladouse ó Parque Acuático de Cerceda.
