Un dos proxectos eólicos previstos na contorna dos montes de Sabucedo queda definitivamente atrás.
Enel Green Power renuncia ao parque de Pico Touriñán e á liña de alta tensión asociada, despois de que informes de Patrimonio Cultural e Patrimonio Natural fixesen inviable continuar co proxecto.
O Diario Oficial de Galicia publica este venres a resolución pola que se acepta a renuncia da promotora e se revogan as autorizacións relacionadas co parque e coa súa liña de alta tensión.
O proxecto ten especial incidencia para A Estrada, non só pola proximidade aos montes de Sabucedo. A infraestrutura eléctrica prevista para evacuar a enerxía de Pico Touriñán e conectalo co parque de Monte Festeiros atravesaba os concellos de Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Forcarei e Silleda.
Segundo recolle elDiario.es, Enel comunicou en xullo de 2025 a imposibilidade de continuar coa tramitación despois de recibir dous informes das direccións xerais de Patrimonio Cultural e Patrimonio Natural sobre o estudo de impacto ambiental da liña eléctrica. A compañía considerou que estes informes impedían desenvolver tanto a liña como o propio parque eólico.
Pico Touriñán era, ademais, un dos catro proxectos eólicos que provocaron unha forte oposición en Sabucedo pola súa afección ao hábitat dos cabalos salvaxes. Os aeroxeradores estaban previstos na zona central dos montes onde viven as bestas, en áreas como A Conla, O Caaveiro ou Os Aguillóns, moi próximas aos lugares nos que cada ano se reúnen os animais para iniciar a baixada cara ao curro.
O proxecto de Pico Touriñán arrancara xa no ano 2010 e pasou posteriormente a mans de Enel Green Power. Chegou a contar cunha declaración de impacto ambiental favorable e tiña prevista unha potencia de 26,4 megavatios.
A renuncia supón agora o arquivo definitivo dun dos proxectos eólicos máis controvertidos da contorna de Sabucedo e elimina tamén, segundo a resolución publicada, a liña de alta tensión asociada que tiña previsto atravesar territorio do concello da Estrada.
