A actualidade deste xoves chega marcada pola poxa de dúas parcelas rústicas no municipio e polo irmandamento aprobado por unanimidade entre A Estrada e Rianxo, cuxa sinatura oficial terá lugar o 19 de outubro. Tamén coñecemos as novidades da Escola Municipal de Artes Escénicas, que abriu xa a matrícula para o novo curso e contará cun texto de Paula Carballeira sobre Virxinia Pereira. Ademais, regresan os Xoves de Verán á Praza do Concello con música e actividades, continúa a novena dos Milagres de Requián e lembramos que a unidade móbil de doazón de sangue estará mañá e o sábado na Estrada.
En comarcas
En Cuntis, o PP denuncia novos episodios de contaminación no río Gallo e cuestiona a xestión da depuradora de Meira. En Silleda, asistimos á inauguración do mural “Lección da empanada”, realizado polo artista Yoseba MP, e coñecemos a denuncia do BNG polas perdas de auga potable na parroquia de Ponte, nun momento marcado pola alerta por seca. Ademais, Lara Meneses visitou esta mañá o Campamento Xuvenil de Pontemaril, en Forcarei, e Boqueixón anuncia un investimento de 70.000 euros para ampliar a rede de saneamento e avanzar cara á cobertura total do municipio.
En deportes
O Estradense visita este xoves ao Vilalonga no campo de O Revel.
A estradense Iziar Barcala segue destacando co combinado español no Europeo Júnior de Bádminton, sumando unha nova vitoria fronte a Hungría.
Tamén comeza hoxe o torneo Xacobeo de pádel, que se desenvolverá ata o día 29, e lembramos que A Estrada acollerá o 29 de agosto unha nova ruta do programa “Goza do Ulla”.
