O San Paio comeza a sentirse nas rúas da Estrada coa instalación das primeiras atraccións da feira, mentres a axenda local e comarcal segue marcada por negociacións, obras pendentes e movemento político. No informativo de hoxe repasamos a convocatoria dunha nova reunión para evitar a folga do lixo en plenas festas, a chegada dos permisos para reparar as comportas da praia fluvial de Liñares e os avances na reincorporación da Estrada á Mancomunidade Terras de Deza‑Tabeirós.
Tamén abordamos a aprobación dun préstamo clave para o plan EDIL, a chegada de material ao Obradoiro de Emprego, as demandas do PSdeG para unha residencia pública de maiores e as críticas do BNG pola recollida do lixo en varios núcleos rurais. A mocidade poderá solicitar xa os descontos do programa Verán Xove 2026, e clausúrase o programa “Adestra a túa saúde” cun acto na AGASP. Ademais, o Concello inicia unha campaña para garantir unha observación segura do eclipse solar do 12 de agosto.
No ámbito autonómico, Galicia reforza a loita contra o acoso escolar no rural e amplíase ata os 45 anos a idade para acceder aos avais na compra dunha vivenda. Na axenda cultural e social, máis de 120 alumnos preparan o concerto de fin de curso do Conservatorio, San Xurxo de Vea organiza unha foliada solidaria e a Alameda acolle unha exposición dedicada a Virxinia Pereira.
En comarcas, tres mozas resultan feridas nun atropelo en Silleda, autorízase unha nova planta solar en Lalín e contrólanse en pouco máis dunha hora as lapas dun incendio forestal en Valga.
