A Festa do Salmón da Estrada volveu facer historia nesta edición, batendo récords de participación e coa organización estudando ampliar ata 7.000 racións na degustación popular. Un arranque festivo para un informativo cargado de actualidade local.
Falamos tamén do inicio do asfaltado da N‑640, cun investimento de 685.000 euros nun tramo de máis de 11 quilómetros, e das obras na rúa 56, que permanecerá pechada mentres se prepara a fachada que acollerá o mural da Rapa das Bestas. Ademais, o parque infantil de Figueiroa será remodelado cun investimento superior aos 50.000 euros.
A fin de semana deixou tamén a estrea por todo o alto da Praza de Galicia, convertida nun novo punto de encontro para a veciñanza.
No ámbito educativo, o IES García Barros proclamouse gañador do desafío de ciberseguridade de Galiciencia, mentres que o IES Antón Losada acadou o primeiro premio de Radio na Biblio cun pódcast inspirado en Begoña Caamaño. E en clave solidaria, Couso xa ten data para a súa Andaina Solidaria a beneficio do pobo saharauí: será o 30 de maio.
En comarcas, o BNG denuncia que a Xunta financia “tres veces menos” os Puntos de Atención á Infancia no rural ca as escolas privadas.
E no deporte, o Estradense cae pola mínima ante o Arteixo e xogará a remontada no partido de volta. Celebramos tamén o título do A Estrada Basket Tres Insuas, campión da Segunda División júnior, e a permanencia do Club Bádminton A Estrada en Primeira Nacional Bronce nun final de auténtico infarto.
