Informativo local e comarcal con ampla actualidade da Estrada e arredores. Neste episodio repasamos o susto provocado por un incendio nun cadro eléctrico en Matalobos e o apoio do Concello ao proxecto “Retorna Galicia” para mobilizar vivendas baleiras. Ademais, coñecemos os detalles do Festival Folclórico do Salmón e o debate político arredor do novo plan de residuos.
Incluímos tamén información sobre o cobro de taxas por parte do ORAL, a convocatoria dunha praza fixa de conserxe no CEIP de Oca e o éxito das rutas das maceiras en flor, que esgotaron as súas 120 prazas en apenas dúas horas. Na actualidade social e ambiental, falamos da concentración convocada en Pontevea en defensa do salmón e da captura dunha troita de 2,7 quilos no Ulla.
Na sección de comarcas, achegamos a celebración do 182 aniversario da Garda Civil en Lalín, as melloras de accesos e servizos en Chapa (Silleda), a semana cultural polos 40 anos da Asociación Vista Alegre e o programa de aprendizaxe de natación para máis de 130 escolares en Cerdedo-Cotobade.
