No informativo de hoxe repasamos unha xornada cargada de actualidade na Estrada e na comarca.
A Festa do Salmón bate récords con 17 establecementos participantes e máis de 5.000 racións previstas na degustación popular do 17 de maio. En Sabucedo, as obras do Campo do Medio avanzan ao 90% cun investimento de 110.000 euros para ter todo listo de cara á Rapa das Bestas.
O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, visita A Estrada para presentar os novos Puntos Violetas nas farmacias, destinados a ofrecer información e apoio ás mulleres vítimas de violencia de xénero. Ademais, os concellos poderán limpar fincas privadas en zonas de risco se non se desbrozan, unha medida que se aplicará xa antes do verán coa colaboración da Xunta.
Greenpeace avala a calidade da auga en A Estrada, Forcarei e Dozón, únicos concellos da zona por baixo do límite máis esixente de nitratos. Mentres, máis de 2.500 sinaturas reclaman medidas urxentes para salvar o salmón galego da extinción ante o seu desplome no Ulla.
O “Gran Comisión” do San Paio queda cancelado por falta de grupos inscritos, e suspéndense tamén a cea e a verbena. No ámbito empresarial, A Estrada Dixital lanza unha nova promoción co Praíña C.F.: os socios que contraten un novo servizo obterán un mes gratis.
Tamén destacamos a celebración no MOME da segunda edición dos Premios Rebumbio, organizados por Actual Comunicación, con oito categorías que recoñecen o máis destacado do ano.
Na comarca, Vedra conta por primeira vez cunha secretaria municipal habilitada nacional, Malena Sueiro. E as autoridades piden precaución nas estradas secundarias polo aumento de fauna salvaxe durante a noite.
En deportes, A Estrada celebra o Día da Actividade Física con preto de 500 escolares participando nas rúas do centro. No Adventure Galicia, Vega gaña a etapa maratón pero Cerutti mantén o liderado. Ademais, Carlos Canal logra en Barreiros a súa primeira vitoria profesional en O Gran Camiño, mentres Rafael Reis se coloca como novo líder da xeral.
