A Estrada amenceu hoxe convertida no gran escenario do deporte galego. Dúas probas autonómicas de primeiro nivel —unha de ciclismo e outra de motos— dan inicio a unha semana na que o concello se transforma no auténtico epicentro da competición. Detrás destas citas hai organizacións e profesionais da casa, estradenses que levan o nome do municipio por bandeira e que conseguen atraer deportistas de toda Galicia, de diferentes puntos de España e mesmo do ámbito internacional. Son eventos de altísimo nivel que combinan espectáculo, esforzo e paixón polo deporte, e que volven demostrar a capacidade organizativa e o tirón da Estrada para acoller grandes competicións.
No informativo de hoxe repasamos tamén a actualidade cultural, social e comarcal: Iria Collazo López faise co Premio de Novela “Manuel García Barros”; a comunidade educativa do IES García Barros chama á mobilización pola situación do ensino público; e ACOE pon en marcha a campaña do Día da Nai con sorteos e actividades para dinamizar o comercio local.
Na comarca, o alcalde de Val do Dubra denuncia ameazas en redes sociais e leva o caso á vía xudicial, mentres a Deputación recomenda iniciar xa os primeiros tratamentos antimildio nas viñas. Ademais, o sector primario galego convoca unha concentración o día 17 en Santiago contra o acordo do Mercosur.
No deporte, avanzamos os detalles do Día da Actividade Física na Rúa, seguimos a Adventure Galicia entre O Candan e Monte Cabalar, repasamos a primeira etapa d’O Gran Camiño 2026 e coñecemos as novidades do Torneo de Verán do UD A Estrada. Pechamos cos bos resultados do club Atletismo A Estrada no III Trofeo Gus Dacal.
Un informativo completo, con todo o que marca a xornada na Estrada e na súa contorna.
