RadioEstrada

Informativos Radio Estrada

No informativo de hoxe repasamos a actualidade da Estrada e da comarca con temas de servizos públicos, cultura, vivenda, motor, lingua e deporte.

Abrimos coa decisión do Concello de trasladar a Atención Temperá ao antigo Xulgado mentres avanza a construción do novo Centro de Servizos Sociais, coa previsión de que o servizo atenda 45 cativos despois do verán. Falamos tamén da visita de Louzao ao presidente do Centro Cultural do Partido da Estrada en Bos Aires, inmerso na recompilación e dixitalización dos seus fondos históricos.

No ámbito urbanístico, o pleno deu luz verde ao proxecto de 28 vivendas públicas no casco urbano, unha cuestión que chegou acompañada dunha pregunta do PSOE sobre os retrasos respecto doutros concellos. Ademais, o Salón do Vehículo de Ocasión continúa medrando como motor de vendas, cun público cada vez máis decidido a mercar.

A cultura e a lingua tamén teñen espazo: o día 17 presentarase na Estrada o protocolo Lingua Vital, nun acto que incluirá unha conferencia do catedrático Henrique Costas.

Na comarca, contamos o derrube dunha parte do tellado da igrexa de Santa María de Carboeiro en Silleda, sen danos persoais nin afectación ao altar. En Rodeiro xa se prepara a Ruta Cambota, proba offroad de 100 km, e en Forcarei a Banda de Gaitas celebrará o seu 20º aniversario cunha viaxe a México dentro do proxecto Camiños Atlánticos.

En deportes, repasamos a previa futbolística da fin de semana e o triunfo do Estradense por 0-1 fronte ao Atlético Coruña Montañeros. Anunciamos tamén a presentación no MOME do libro Historia do Club Deportivo Estradense (1925–2025). Ademais, O Gran Camiño 2026 arranca con cinco etapas e Galicia como escaparate europeo, mentres Urko Garmendia domina a prólogo da Adventure Galicia.

Pechan o informativo os éxitos individuais e colectivos: ouro para Iziar Barcala no Internacional Júnior de Suecia, vitoria do Club Natación e Salvamento A Estrada no Trofeo de Cerceda e unha intensa fin de semana para o Atletismo A Estrada entre competición e tecnificación.


https://www.ivoox.com/informativos-radio-estrada_mf_171789371_feed_1.mp3

Scroll al inicio