RadioEstrada

📌 Acoso e relacións de poder: un problema que volve ao foco público

👉 A continuación podes escoitar a CONVERSA COMPLETA CON JEANNETTE VALIÑAS

Nas últimas semanas coñecéronse varios casos de presunto acoso sexual en distintos ámbitos do país: desde administracións locais ata empresas privadas e mesmo centros sanitarios. Son situacións que, presuntamente, combinan abuso de posición, presión laboral ou mensaxes de contido sexual dirixidas a traballadoras en situación de menor poder xerárquico.

Estes casos, que se atopan en diferentes fases de investigación, volveron abrir un debate necesario sobre os límites, a responsabilidade das institucións e o impacto emocional que estes comportamentos teñen nas persoas afectadas.

No plano político, un dos casos que máis repercusión xerou é o do presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presuntamente denunciado por varias mulleres a través do canal interno do PSOE. Fálase —segundo recollen diversos medios— de presuntos tocamientos sen consentimento, mensaxes e chamadas de contido sexual, e mesmo presuntas propostas de promoción laboral a cambio de favores íntimos. O propio Tomé nega de maneira categórica todos os feitos e anunciou accións legais para defender a súa honra.

Con toda esta información sobre a mesa, e coa cautela imprescindible nun tema tan sensible, na Radio Estrada quixemos afondar non só nos feitos, senón nas dinámicas psicolóxicas e de poder que poden estar detrás deste tipo de comportamentos cando se producen.

Por iso falamos con Jeanette Valiñas, psicoanalista do Centro Gradín da Estrada, para comprender por que determinadas persoas que ostentan cargos de responsabilidade poden chegar a exercer condutas de acoso e cales son as consecuencias emocionais que soportan as vítimas.

Scroll al inicio