RadioEstrada

Tequexetéldere representará a Galicia na 55ª edición do Festival Intercéltico de Lorient

A agrupación estradense Tequexetéldere será a encargada de representar a Galicia na 55ª edición do Festival Intercéltico de Lorient, considerado o festival máis importante, máis grande e máis antigo do mundo celta.

A confirmación chegou na tarde de onte a través da Delegación galega do festival. Para o colectivo é —segundo explican— “un orgullo” que a organización se decantase pola súa candidatura. Un soño que levaban anos perseguindo e que agora se fai realidade.

Serán arredor de 46 compoñentes os que viaxen ata terras francesas co obxectivo de agradar ao público internacional e deixar o folclore galego nun lugar destacado. Levarán unha escolma de traballos de investigación etnográfica recompilados nas catro provincias galegas, con especial presenza dos Sons da Ulla, poñendo en valor concellos como o da Estrada.

Nos vindeiros días, a agrupación anunciará máis detalles sobre a súa preparación e a súa axenda anual, convidando especialmente aos medios locais a seguir de preto esta importante cita internacional.

Scroll al inicio