RadioEstrada

O alcalde de Cuntis explica en Radio Estrada a multa xudicial polo conflito das antigas piscinas municipais

O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, explicou esta mañá no informativo de Radio Estrada os motivos polos que foi sancionado cunha multa coercitiva de 300 euros mensuais, imposta Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Caldas de Reis., en relación co histórico conflito xudicial entre o Concello e a empresa Termas de Cuntis S.L..

A sanción deriva do incumprimento dunha sentenza firme que obriga ao Concello a entregar á empresa unha parcela municipal na que se atopaban as antigas piscinas descubertas de Budeón. Trátase dun litixio que ten a súa orixe nun convenio urbanístico asinado nos anos noventa e que, dende entón, foi pasando por diferentes fases xudiciais sen que se chegase a executar plenamente o acordado.

Durante a entrevista, o rexedor explicou que a multa non responde a unha decisión política persoal, senón a unha medida de presión xudicial para forzar a execución da sentenza. Segundo indicou, o Concello entende que existen dificultades legais e técnicas para cumprir co fallo tal e como está formulado, especialmente mentres non se dispoña dunha alternativa real para as instalacións deportivas que daban servizo á veciñanza.

Manuel Campos insistiu en que o goberno local mantén unha postura de defensa do interese público e do patrimonio municipal, asegurando que todas as actuacións realizadas ao longo dos anos estiveron avaladas por informes técnicos e xurídicos. Ao mesmo tempo, confirmou que o Concello seguirá explorando vías legais para resolver un conflito que cualificou de “complexo e herdado de hai décadas”.

Ademais, segundo puido saber este medio, a Xustiza deu un novo paso no procedemento ao solicitar ao secretario municipal a relación de todos os alcaldes e dos membros das xuntas de goberno dende o ano 2011. Esta petición abre a porta a posibles responsabilidades penais por desobediencia grave ou prevaricación administrativa no caso de confirmarse un incumprimento continuado das resolucións xudiciais.

Este movemento xudicial afecta a todas as forzas políticas que tiveron responsabilidades de goberno no Concello de Cuntis ao longo destes anos, incluídos PSOE, PP e BNG, que formaron parte do executivo municipal en distintos momentos.

👉 Podes escoitar aquí a entrevista completa co alcalde no informativo desta mañá de Radio Estrada, dispoñible tamén nos nosos podcast.

📌 Nós, esta mañá, puxémonos en contacto con Termas de Cuntis S.L., pero dende a empresa cuntiense, preferiron non facer declaracións.

Scroll al inicio