RadioEstrada

Malestar na Estrada pola denegación ministerial da conexión viaria clave

O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, expresou a súa sorpresa e contrariedade trala decisión do Ministerio de Transportes de denegar o proxecto para a conexión entre a estrada provincial EP-7016 e a N-640, á altura da rotonda das Colonias. Louzao lamenta que a negativa se fundamente en «cuestións técnicas», cando a mesma proposta xa fora previamente consensuada coa administración estatal.

O rexedor recordou que a iniciativa foi redactada e acordada durante o goberno provincial de Carmela Silva e que a actual Deputación de Pontevedra xa se comprometera a financiar a totalidade da obra. Ao Concello corresponderíanlle as expropiacións necesarias para a ampliación da vía.

Ante esta situación, o alcalde fixo un chamamento urxente: «O que pido é que se poñan a traballar. Que falen e que vexan cales son os problemas coa normativa actual que alega o Ministerio e que se solucionen». A actuación estaba prevista para este ano, e o Concello xa reservara 63.000 euros nos orzamentos municipais para cubrir as expropiacións.

A obra ten como obxectivo mellorar a seguridade viaria nun tramo de pouco máis de 300 metros da EP-7016, que actualmente presenta un ancho reducido, carece de beiravías e conta con curvas pronunciadas. O proxecto contempla a construción dunha variante lineal con 7 metros de ancho, fronte aos 4,5 actuais, e beiravías de medio metro en ambas as marxes, para facilitar a conexión coa N-640.

Louzao tamén subliñou a importancia vital deste vial para a poboación de Guimarei, Vinseiro, Cereixo e Lagartóns, destacando que «o que necesitan obras coma esta é vontade política». Ante a situación, o Concello solicitará unha reunión técnica a tres bandas para buscar solucións.

Scroll al inicio