RadioEstrada

Magariños asumirá funcións delegadas na Fundación de Exposicións para reforzar a coordinación e a xestión feiral da Estrada.

A Estrada | 10 de decembro de 2025

Manuel Magariños asume novas responsabilidades na Fundación de Exposicións por delegación do alcalde

A Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada celebrou esta mañá a súa última reunión anual, unha sesión na que o alcalde e vicepresidente da entidade, Gonzalo Louzao Dono, delegou parte das súas funcións no concelleiro Manuel Magariños Maceiras.

Louzao explicou que a decisión, prevista nos estatutos da Fundación, procura mellorar a coordinación e garantir unha xestión máis ordenada. A delegación permitirá que Magariños dispoña de gastos, ordene pagamentos, convoque reunións do comité executivo e asine contratos dentro das competencias establecidas. O alcalde subliñou que este papel en ningún caso se corresponde cunha xerencia e non leva asociada ningunha remuneración.

Na mesma sesión, o Padroado aprobou o orzamento de 2026 e definiu o calendario feiral do próximo ano. A programación abrirase do 13 ao 15 de marzo coa 14ª Feira de Oportunidades do Comercio. En abril celebrarase o 10º Salón do Vehículo de Ocasión, seguido da 4ª Feira Multisectorial ExpoEstrada os días 23 e 24 de maio. A cita grande do sector, a 38ª Feira do Moble de Galicia, terá lugar do 17 ao 20 de setembro. O programa complétase con tres edicións da Feira de Antigüidades e co 12º Salón Motor Classic en decembro.

Scroll al inicio