A Estrada volve situarse no mapa do motor europeo coa chegada dunha nova edición do Adventure Galicia, unha proba que abrirá o Campionato de Europa de Rallye Raid de Orientación entre o 12 e o 18 de abril.
A cita alcanza este ano a súa edición máis ambiciosa, cun percorrido que roldará os 1.600 quilómetros repartidos en seis xornadas de competición, consolidándose como unha das probas máis esixentes do calendario continental.
Detrás do deseño do trazado está, un ano máis, o estradense Javier Campos, piloto con experiencia no Dakar, que apostou por un roadbook especialmente técnico e cun claro espírito “dakariano”, pensado para levar ao límite tanto a navegación como a resistencia dos participantes.
👉 [ESCOITA AQUÍ A ENTREVISTA CON JAVIER CAMPOS]

A proba arrancará o luns cun prólogo en A Somoza, que servirá como primeira toma de contacto antes dunha etapa inicial polos montes de Forcarei, Soutelo, Cerdedo e Codeseda.
Co paso dos días, o rallye levará aos participantes por distintos puntos de Galicia, con etapas no Courel e tamén na zona costeira, pasando por Baiona e A Guarda, nun percorrido que combina dureza, orientación e diversidade de terreo.
Un dos momentos decisivos chegará o venres, coa etapa máis esixente, que discorrerá por Noia, Portosín e Ribeira, para regresar despois cara á comarca pola zona de Caldas de Reis, Cuntis e o Alto da Cruz.
A competición rematará o sábado coa chegada á Praza do Concello da Estrada, onde terá lugar a entrega de premios.
Dende a organización destacan tamén o crecemento internacional da proba, cunha participación estranxeira que xa se achega ao 50%, un dato que reforza a posición do Adventure Galicia como unha das citas de referencia dentro do Europeo.
