No informativo de hoxe repasamos unha xornada marcada polos efectos do temporal no municipio da Estrada. Emerxencias A Estrada e os Bombeiros de Silleda interviñeron na rúa Ulla ante o risco de desprendemento dunha chapa de grandes dimensións nun edificio, mentres que preto dunha ducia de árbores tiveron que ser retiradas en varias parroquias debido ao terreo brando pola intensa choiva. Ademais, permanece activa unha Alerta Amarela por vento para mañá, polo que se pide máxima precaución.
Tamén falamos da saída de vía rexistrada en Santa Cristina de Vea, que rematou co traslado da condutora a un centro hospitalario.
No ámbito municipal, o concelleiro de Facenda, Alberto Blanco, detalla os Orzamentos de 2026 que chegan este venres á Comisión.
A Fundación de Exposicións da Estrada avanza na preparación do calendario feiral e da Feira de Oportunidades, e o Concello convoca aos colectivos veciñais para explicar tres plans provinciais de axudas. Ademais, a parroquia de Santo Tomé de Ancorados inaugura este venres o seu retablo recentemente restaurado.
Na comarca, o BNG leva ao Parlamento a preocupación veciñal pola posible instalación dunha planta de biogás en Agolada, e en Teo celébrase este venres a II Gala do Deporte Teense, que recoñece o talento deportivo local.
