No informativo de hoxe repasamos a actualidade da Estrada, Tabeirós–Terra de Montes e o resto da comarca, cunha xornada marcada polas negociacións para evitar a folga do lixo durante o San Paio. O Concello ve avances e empresa e traballadores volverán sentarse a vindeira semana en Santiago para achegar posturas.
A deputada provincial Paula Bouzós reuniuse coas entidades beneficiarias do programa +Xuntas, mentres que no Concello se prepara xa o operativo de seguridade da Rapa das Bestas 2026. En Sabucedo coñecemos tamén os cambios na distribución dos espazos e a nova ubicación dos postos do polbo, ademais da recomendación de mercar canto antes as entradas para os curros, co sábado xa esgotado.
Falamos da posición da Estrada como un dos concellos galegos con maior produción de piñeiro para chapa e mobles, e da renovación da web de A Estrada Dixital. O BNG leva ao Parlamento as demandas da comunidade educativa estradense, reclamando máis profesorado, persoal de apoio e melloras nos centros públicos.
Na axenda cultural, Minicines Central acolle a presentación dunha curta e dun libro sobre a viaxe de Castelao á Bretaña, nun acto organizado por Vagalumes.
En comarcas, o BNG de Dozón pide aclarar o atropelo dun veciño por un cabalo na Festa do Torresmo. Ademais, douscentos mozos percorrerán o val do Ulla dentro da Ruta Quetzal 2026, con paradas en Vilanova, Valga e Pontecesures. A Xunta inicia as expropiacións para a senda peonil e ciclista entre Alende e A Espedregueira, e Portas homenaxea á primeira alcaldesa de Galicia cun torneo de pádel.
No deporte, o Sporting Estrada anuncia as renovacións de Samuel Marque e Adrián Gómez “Gato”, e prepara a súa quinta festa de fin de tempada en Liñares. O CD Berres aposta por Toño Coto para liderar o novo proxecto deportivo, e o Club Sincroburbullas pecha a tempada cunha exhibición de natación artística o día 20.
