A actualidade deste martes chega marcada pola visita institucional do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, que supervisou as melloras na área de pediatría do Centro de Saúde da Estrada. Tamén hoxe tivo lugar a reunión entre sindicato e Concello para unha nova toma de contacto sobre a folga do lixo prevista para as festas do San Paio.
A nivel local, coñecemos que oito participantes da Escola de Emprego Xuvenil da Estrada xa atoparon traballo, nun programa recoñecido en Europa como boa práctica e que formou 30 alumnos neste semestre. Ademais, o Concello abre o proceso para cubrir unha praza fixa de conserxe no CEIP de Oca, e despedimos a Manuel Barreiro “Barri”, que se xubila tras máis de 42 anos ao servizo da administración estradense.
O Departamento de Servizos Sociais lembra que segue aberto o prazo para solicitar as axudas do Programa Básico de Asistencia Material, dirixido a familias con menores e dificultades económicas, financiado con fondos europeos. A xornada tamén nos deixa a celebración do Día da Paz na Praza de Galicia, promovida pola Escola Infantil Elfos xunto ao alumnado do Foxo e do García Barros. Ademais, hoxe remátase o mural da fachada lateral do Teatro Principal, dedicado a Manuel García Barros, e o estradense Javier Otero presenta o seu novo disco Sem terra à vista, creado entre piano, electrónica e sons da vida real. A Piscina Climatizada da AGASP abre as portas ás familias ata o 13 de xuño para amosar os avances do alumnado.
Na comarca, Caldas de Reis estrea unha Escola Deportiva de Verán con 60 prazas para favorecer a conciliación familiar, mentres un grupo de veciños propón celebrar o Santiaguiño do Monte de Padrón sen animais.
En deportes, Brais Vidal deixa o CD Estradense tras varios anos defendendo a camiseta vermella e branca. A estradense Iziar Barcala brilla co combinado español no Spanish International de bádminton, asinando unha gran actuación en Valencia e pendente agora da convocatoria para o Europeo. Ademais, Brais Rey remata 12º no Campionato de España sub‑16 tras clasificarse para a final dos 1.000 metros, e Carla Pintor acada o bronce no Galego sub‑18. Falamos co seu adestrador para valorar estes resultados.
