A decimoterceira Feira da Sidra da Estrada xa rematou, pero aínda queda moito por escoitar. Se non puideron acompañarnos o sábado, ou se queren revivir unha das edicións máis multitudinarias da historia do evento, xa teñen dispoñible en radioestrada.gal o programa especial emitido en directo desde o corazón da feira, con Isa Durán e Carmen Pombo. Conversas, protagonistas, música, ambiente e todo o que se viviu nunha xornada que quedará para o recordo.
Antes de comezar coa información, repasamos os asuntos máis destacados do día:
A Feira da Sidra da Estrada bate todos os récords: 4.200 vasos vendidos e 5.000 litros de sidra esgotados.
Para mañá está prevista unha reunión entre sindicatos e Concello para unha nova toma de contacto sobre a folga do lixo prevista para as festas de San Paio.
As familias con menores a cargo en situación de vulnerabilidade económica poden solicitar as tarxetas do PROGRAMA BÁSICO DE ASISTENCIA MATERIAL da Xunta de Galicia a través dos Servizos Sociais da Estrada.
A Estrada acollerá este venres o concerto “Jazz na Farola”, coa Big Band e o Coro Carlos Barruso na Praza da Farola a partir das oito da tarde.
A Escola da Banda Municipal celebrará o seu festival de fin de curso o sábado, e o domingo terá lugar o VI Festival de Bandas Xuvenís.
Na comarca, a Semana Verde supera os 108.000 visitantes e acada a mellor cifra de expositores en case dúas décadas.
En deportes, o equipo xuvenil da Escola Estrada de Fútbol Base gaña por 0‑1 ao Rayo 21 e continúa loitando por manter categoría en Xuvenil Preferente. Ademais, Carla Pintor logra o bronce no Galego sub‑18, e o Atletismo Estrada suma marcas persoais nunha intensa fin de semana de competición.
