No informativo de hoxe repasamos a actualidade da comarca con temas que van desde o Camiño de Santiago ata a política local, a educación, a cultura e os eventos sociais que marcan a vida dos nosos concellos.
Abrimos coa consolidación do Camiño da Geira e dos Arrieiros como a ruta preferida polos peregrinos que parten de Braga. Na actualidade política, Ana Pontón visita a empresa Martínez Otero en A Estrada, mentres que o pleno municipal estivo marcado por debates sobre o Imserso, educación e recollida do lixo.
Destacamos tamén o recoñecemento europeo á Escola de Emprego Xuvenil da Estrada, considerada un exemplo de boa práctica no impulso do emprego no rural. No ámbito sanitario, a enfermaría do centro de saúde recibe unha mención especial tras o recente premio á Enfermaría de Atención Primaria de Galicia.
A cultura e a participación social tamén teñen o seu espazo: avanza a venda anticipada dos vasos da Festa da Sidra, unha alumna do CEIP O Foxo acada a final dun certame provincial de relato breve, e a ilustradora estradense Rosa de Cabanas leva a súa colección As que fan a festa ao Festival Intercéltico de Lorient. Ademais, Ouzande prepara a súa tradicional excursión anual á contorna da Enseada de San Simón.
Na actualidade económica, Perfumerías Avenida anuncia un ERE que podería afectar ata 105 traballadores.
En Comarcas
A Semana Verde abre en Silleda coa maior participación de expositores dos últimos 19 anos. En Valga, anúnciase a creación dunha residencia de maiores para reforzar a atención á terceira idade. Pola súa banda, Cerdedo-Cotobade cederá dous inmobles municipais a asociacións veciñais para uso social.
