RadioEstrada

Informativos Radio Estrada

Neste novo informativo repasamos a actualidade máis destacada da xornada na Estrada e na contorna. A Xunta decreta a suspensión das queimas agrícolas e forestais en toda Galicia desde o 29 de maio e ata novo aviso, mentres que un afundimento no firme obriga a extremar a precaución na estrada de Vinseiro, no cruce do Moucho.

A Estrada acolle hoxe e mañá a primeira edición de Terra Emprende, un encontro con 45 firmas galegas que buscan impulsar o emprendemento local. No ámbito municipal, o departamento de Servizos Sociais verase obrigado a deixar de tramitar as viaxes do Imserso, polo que o Concello solicita ao Goberno central unha moratoria para manter un servizo moi demandado pola veciñanza maior.

Tamén destacamos o inicio do mural que Pablo Loyola está a crear no Teatro Principal, así como a celebración do Correlingua, que pecha na Estrada a súa edición de 2026 coa participación de once centros educativos. No ámbito das infraestruturas, o aeroporto de Lavacolla recupera a súa actividade tras as obras coa estrea da conexión directa entre Santiago e Nova York.

️ Comarcas
Investigación aberta a unha traballadora de residencias de Santiago por presuntos malos tratos e subtracción de xoias a persoas maiores. En Rodeiro, o Concello investirá máis de 200.000 euros na mellora de accesos municipais, mentres que Cerdedo-Cotobade inicia obras de bacheo por emerxencia tras os danos dos temporais. Ames e Agamudi impulsan novas vías para favorecer a inserción laboral de mozos con discapacidade.

Deportes
O estradense Nico Lorenzo regresa ao Campionato de España de carreira por montaña en idade escolar, competindo esta fin de semana coa selección galega en Alcaduete (Jaén). Ademais, o Club de Natación e Salvamento A Estrada participou na Liga de Praia en Gandarío e pechou a liga máster cun récord de participación.


https://www.ivoox.com/informativos-radio-estrada_mf_174543661_feed_1.mp3

Scroll al inicio