No informativo de hoxe abrimos coa actualidade da Estrada, onde un motorista resultou ferido nun accidente na PO‑841 ao seu paso por Couso. A tempada de baño na praia fluvial de Liñares podería retrasarse uns días pola reparación pendente das comportas, mentres o municipio continúa mobilizado en defensa do ensino público tras a histórica manifestación do 6 de maio.
Os funcionarios municipais celebran esta tarde o día de Santa Rita no Pazo de Xerlís, coincidindo coa festividade na parroquia, que acolle unha misa solemne ás 20.00 horas. En Cereixo, San Xorxe tamén está de festa durante toda a xornada. No IES Avelina Valladares celébrase o Avelina Fest, unha xornada de música e dinamización cultural.
A noite chega cargada de ritmo co regreso do Salmon Rock, que encherá a carpa do salmón con Musikenos, Desertores e Toxo. E mirando ao sábado, o Festival dos Arrieiriños traerá diversión familiar con Paco Nogueiras, o musical do Pollo Pepe e o tributo Lembra Xabarín. Como cada venres, repasamos tamén todo o ocio e cultura da fin de semana na Estrada.
En comarcas, dúas persoas foron trasladadas por inhalación de fume tras o incendio dun alpendre en Silleda. O municipio rende homenaxe ás pioneiras do fútbol feminino dentro do programa (in)Visibles, e recibe a visita da familia do gaiteiro Manuel Dopazo, chegada desde Arxentina para coñecer as súas raíces. As Brañas de Xestoso protagonizan este domingo unha nova ruta de Voando nas Rías Baixas, e os Xenerais da Ulla de Reis participarán nun encontro de Entroidos Tradicionais en Muros.
En deportes, o CD Estradense prepara con ilusión a remontada en Arteixo tras o 0‑1 da ida. A pesca deportiva en Galicia queda sen competicións federadas pola crise electoral da Federación Galega de Pesca. Ademais, o Novo Municipal acolle este sábado o 9º Torneo Benxamín, e a Liga Galega de Billarda pecha a súa fase final en Santeles o 30 de maio.
