No informativo de hoxe repasamos a intensa actividade das últimas horas en A Estrada, onde Emerxencias tivo que retirar varias árbores caídas polo vento e achega consellos ante o mal tempo que se agarda. Falamos tamén da presentación oficial da Ruta da Sidra en FITUR, un proxecto que busca poñer en valor a tradición sidreira estradense. No ámbito internacional, o Parlamento Europeo decide frear o acordo UE–Mercosur e remite o tratado ao Tribunal de Xustiza da UE tras unha votación moi axustada.
Ademais, a Asociación Bonsái A Estrada organiza un curso de poda e enxertos de árbores froiteiras, e na comarca destacamos a intervención da Garda Civil en Teo, as melloras de seguridade viaria en Forcarei, a ampliación da rede de abastecemento en Silleda e a chegada da ITV móbil para vehículos agrícolas. Tamén coñecemos que o físico e divulgador Jorge Mira será comendador da Encomenda do Cocido de Lalín 2026.
En deportes, o CD Estradense reforza o seu cadro con dúas incorporacións importantes: o regreso de Edu Taboada e Pablo Porrua. Conversamos con Manuti, que analiza a segunda volta e ofrece a previa do encontro desta fin de semana contra o Boiro.
