🩸 Informativo de hoxe en Radio Estrada
Arrincamos o programa lembrando a importancia das doazóns de sangue, especialmente nestes días nos que as catástrofes e accidentes nos fan máis conscientes do valor de cada xesto solidario. A Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue chama á colaboración cidadá, xa que as reservas dos grupos A+, A-, 0+ e 0- están en niveis baixos. Un recordo necesario: o que hoxe doamos por humanidade pode mañá volver a nós en forma de nova oportunidade. Saúde para todos.
No apartado informativo, A Estrada continúa a súa aposta polo turismo e presenta en Fitur a Ruta da Sidra, un dos grandes reclamos do municipio. Escoitamos a Gonzalo Louzao e ao conselleiro de Cultura, José López. O Concello anuncia tamén que empedrará o segundo tramo da rúa Don Nicolás ata a Praza da Inmaculada.
No ámbito político, o PSOE da Estrada critica os últimos datos de poboación e pide explicacións ao goberno local. Ademais, desde onte permanece cortada ao tráfico a Praza de Galicia, e lembramos as alternativas de circulación pola rúa Irmáns Valladares. A Asociación Bonsái A Estrada organiza un curso de poda e enxertos de árbores froiteiras o 31 de xaneiro.
🌍 Comarcas:
Ábrese o prazo para solicitar axudas de ata 30.000 euros para rehabilitar vivendas en concellos de menos de 5.000 habitantes. En Rodeiro, a parcelaria de Val de Camba mellorará máis de 26 km de camiños cun investimento de 1,7 millóns de euros. Ames inaugurará o circuíto Transgalaica 2026 cunha proba de BTT o 1 de marzo. En Silleda, está aberto o prazo para optar a unha praza fixa de Oficial 3º no Servizo de Augas. E en Tenorio preséntase hoxe a XVI Festa do Petote.
