RadioEstrada

Informativos Radio Estrada

Nesta edición repasamos a actualidade local, comarcal e deportiva cunha xornada marcada polos sucesos, os proxectos municipais e a actividade cultural e deportiva da contorna.

No ámbito local, un traballador foi evacuado en helicóptero tras caer dende cinco metros en Berres. Os temporais do inverno deixan tamén importantes danos nas comportas da praia fluvial do Liñares, mentres o goberno municipal anuncia a contratación de 13 persoas desempregadas con fondos provinciais. Ademais, coñecemos parte do cartel do San Paio 2026, con nomes como 9Louro, David Bustamante e Ortiga. A Praza de Galicia xa ten data de estrea tras a súa peonalización: o 17 de maio, cun concerto de París de Noia coincidindo coa Festa do Salmón. Falamos tamén da disolución da cooperativa Monte Cabalar tras vinte anos de actividade e das novas propostas de turismo da sidra con catas, visitas e experiencias arredor da mazá e dos produtos locais.

Nas comarcas, a licitación das piscinas de Cuntis queda deserta e deberá repetirse o proceso, mentres Silleda anuncia melloras en catro centros sociais cun investimento de 54.000 euros.

No deporte, Rafa Vázquez achéganos todos os resultados do fútbol e fútbol sala da fin de semana, na que o Estradense caeu por 2-1 en Arteixo. A Estrada acolleu con éxito o Campionato Galego Absoluto de Bádminton 2026, cunha destacada participación local. E o Club Natación e Salvamento A Estrada fai historia cun ouro nacional do equipo cadete feminino en Bétera, ademais de dous ouros en relevos e unha brillante actuación individual de Paula Pena.


https://www.ivoox.com/informativos-radio-estrada_mf_170994781_feed_1.mp3

Scroll al inicio