Nesta edición repasamos a actualidade marcada por un accidente no Alto da Cruz, onde os servizos de Emerxencias tiveron que excarcerar a unha persoa dun vehículo volcado. A Xunta anuncia a suspensión inmediata das queimas agrícolas e forestais, mentres que Adoufe recupera por fin o acceso tras o desprendemento de febreiro. Ademais, xa hai data para a apertura ao tráfico da Praza de Galicia.
No eido político, o Concello celebra un Pleno Extraordinario para aprobar os Orzamentos de 2026, e o PSOE responde ás críticas do BNG pola N-640 anunciando novas actuacións. O Centro de Día da Estrada cumpre sete anos como referente no coidado das persoas maiores e abre as súas portas á veciñanza. A música tamén é protagonista, coa presentación do Obradoiro de Música Moderna dedicado a Carlos Barruso, a chegada da música tradicional galega ao Conservatorio e o novo número da Revista Galega da Educación centrado na radio escolar. Couso acolle a Foliada das Mulleres e unha nova actividade do programa Xogamos.
No ámbito gastronómico, o estradense Gonzalo Pose suma un novo recoñecemento para o seu local Flaco de Santiago, engadindo un ‘Solete’ da Guía Repsol ao seu recente éxito na mellor hamburguesa de España.
En comarcas, Enerxétika regresa a Silleda como cita clave do sector enerxético, mentres que en Cerdedo-Cotobade avanzan os plans de humanización de Arrotea e se prepara unha nova edición da Transgalaica con 350 ciclistas.
En deportes, A Estrada acolle este sábado o Campionato Galego Absoluto de Bádminton no pavillón Coto Ferreiro, reunindo ás mellores raquetas do país.
