Neste novo informativo repasamos a intensa actividade cultural, social e institucional da Estrada e da súa contorna. A Praza do Concello prepárase para catro fins de semana cheos de propostas baixo unha gran carpa, mentres que o deporte inclusivo reúne participantes de seis países nunhas xornadas internacionais impulsadas polo programa Equal Play.
Analizamos tamén a crítica do BNG ao estado da N-640 e a ausencia de avances na súa reforma, e coñecemos as novas tarifas definitivas de A Estrada Dixital. Ademais, Agadea abre as portas do seu centro de día para achegar á veciñanza a loita contra o alzhéimer.
No eido cultural, destacamos o concerto de Roi Alfonso dentro da Semana das Artes Galegas, a presentación do número 93 da Revista Galega de Educación dedicado á radio escolar, e a chegada ao Recreo Cultural de Fóra de foco, o novo libro de Cristina Pato. A música tamén será protagonista co pasarrúas de Percustrata e Latexo Percusión, e en Couso xa está aberto o prazo para participar na IV Mostra de Artesanía de As Nosas Músicas 2026.
Na comarca, informamos dun incendio forestal presuntamente intencionado en Arcos de Furcos, da apertura do prazo para solicitar vivendas sociais en Cerdedo-Cotobade e da primeira liña de axudas da Deputación ás agrupacións de Protección Civil. Completamos o bloque coa volta da feira Enerxétika a Silleda.
En deportes, máis de 300 escolares participaron na xornada de deporte escolar celebrada no pavillón Coto Ferreiro.
Un resumo completo da actualidade local e comarcal para manterte ao día do que acontece ao teu redor.
