️ Informativo de Radio Estrada
O rural estradense poderá beneficiarse de 6,5 millóns de euros de fondos europeos, tras quedar redactado o proxecto que permitirá canalizar estes investimentos.
A actualidade económica tamén pasa pola ampliación do polígono empresarial de Toedo, xa que a Xunta activou os trámites para sumar máis de 156.000 metros cadrados de novo solo industrial na Estrada.
Na xunta de goberno municipal terá protagonismo o albergue de Sabucedo, onde se proxectan melloras nas fachadas, acondicionamentos interiores e a instalación de placas fotovoltaicas.
No ámbito comercial, a Feira de Oportunidades e a Feira de Antigüidades reunirá a próxima fin de semana 50 expositores na Fundación de Exposicións e Congresos, cun evento xa consolidado no calendario local e con descontos que poden chegar ata o 60%.
A cultura chega da man da Banda Municipal da Estrada, que organiza o V Curso Instrumental, tres xornadas de formación musical entre o 30 de marzo e o 1 de abril con profesorado de conservatorios e escolas de música galegas.
Ademais, a Estrada terá presenza na final do Campionato de España de Hamburguesas, grazas á proposta “Flaquita” do restaurante compostelán La Flaca, creada polo cociñeiro estradense Gonzalo Pose.
Tamén falamos da inauguración da nova sede de Inversia Seguros A Estrada, situada no antigo local do Banco Simeón.
E no deporte:
A Estrada acolleu unha nova xornada do Circuíto Galego de Marcha Atlética.
O Club Bádminton A Estrada regresou de Navarra sen puntuar pero segue fóra dos postos de descenso.
Gran fin de semana para o Club Atletismo A Estrada, con Brais Rey noveno no Campionato de España Sub-16 de pista cuberta e Nico Lorenzo campión galego de montaña na categoría sub-16.
Toda a actualidade da Estrada e da comarca, en Radio Estrada.
