No informativo de hoxe repasamos a actualidade máis destacada da xornada. A CIG chama a secundar a folga xeral do vindeiro 11 de novembro cunha mobilización na Estrada, mentres o Concello fixa os servizos mínimos de Axuda no Fogar para esa mesma convocatoria.
Tamén falamos da visita do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, ás instalacións nas que Aspanaes poñerá en marcha dúas unidades de educación especial, e dos asuntos que centran o pleno municipal desta noite, entre eles a memoria democrática e a eliminación da violencia contra as mulleres.
Ademais, analizamos a participación da Estrada nun novo programa de emprego xunto con outros cinco concellos para favorecer a inserción laboral das persoas desempregadas e a adhesión do municipio á novena edición de Vilas en Flor.
No apartado cultural, achegámonos ó espectáculo musical de Manoele de Felisa sobre a obra de Otero Pedrayo, á Festa do Outono de Ouzande e ás actividades infantís previstas na Biblioteca Municipal arredor de Virxinia Pereira e Castelao.
Completa a actualidade local a necesidade de resintonizar desde hoxe as canles da TDT nos televisores que reciben a sinal a través da antena.
Nas comarcas, falamos do incendio de tres vehículos en Caldas de Reis tras unha avaría nun coche, das críticas do BNG polos atrasos nas concentracións parcelarias de Lalín, do acordo entre o Concello de Teo e a Fundación ONCE para impulsar o emprego das persoas con discapacidade e das modificacións nas conexións ferroviarias provocadas polo peche temporal da estación da Coruña.
E nos deportes, destacamos o novo éxito de Ana Masaguer e Nala no panorama estatal do agility, acadando un destacado posto entre as mellores participantes da competición.
