No informativo de hoxe abrimos cunha homenaxe á memoria de Francisca Andújar, alma do histórico restaurante Os Peares e referente da hostalaría estradense, falecida aos 92 anos tras unha vida dedicada ao traballo, á cociña e á súa vila.
Ademais, repasamos a actualidade local cun avance dos titulares máis destacados: o xuízo por narcotráfico e branqueo que sentará no banco a catro familiares do principal acusado, a incorporación dun novo camión eléctrico para reforzar a recollida do colector marrón, os preparativos do Nadal 2026, a convocatoria de exames para dúas prazas de persoal interino, os futuros obradoiros sobre saúde mental e benestar emocional, e as propostas do PSOE e do BNG en materia de seguridade viaria e infraestruturas.
Tamén falamos da iniciativa de Cáritas A Estrada para conectar demandantes de emprego con empresas e particulares que precisan contratar persoal.
Nas comarcas, contamos a investigación dunha liorta multitudinaria no centro de Lalín, a renovación da directiva de Terras de Compostela en Vedra e o proxecto de Valga para construír unha residencia de maiores con 150 prazas.
E nos deportes, analizamos a remontada do Estradense fronte ao Viveiro, o liderado do Praíña Sporting Club, os resultados dos equipos da comarca, a contundente vitoria do A Estrada Futsal, a entrevista con Iziar Barcala tras unha tempada histórica e o novo éxito de Carla Pintor no Campionato de España sub-20 de clubs.
