Neste informativo repasamos a actualidade máis destacada da xornada na Estrada e na comarca. Abrimos coa prórroga da época de alto risco de incendios forestais en Galicia ata o próximo 31 de outubro, debido ás condicións meteorolóxicas, e lembramos os teléfonos de alerta e denuncia habilitados pola Xunta.
Entre os asuntos máis relevantes do día, a sinatura do convenio do Plan Extra entre a Deputación de Pontevedra e o Concello da Estrada por importe de 1,1 millóns de euros; a recta final do prazo para presentar alegacións contra a liña de alta tensión A Estrada-Paizás; e a decisión do PSOE estradense de alegar contra a futura gasolineira de Urban Strada pola súa proximidade á Escola Infantil.
Tamén falamos do Programa de Prevención da Dependencia, das melloras enerxéticas previstas na Academia Galega de Seguridade Pública, das charlas de seguridade para persoas maiores que impartirá a Garda Civil de Lalín en parroquias do municipio e da posible conversión de antigas casas reitorais en aloxamentos sociais.
Na axenda social e cultural, achegámonos á mesa redonda organizada por Mulleres Rurais Avelina Valladares no Pazo de Xerlís, ao primeiro encontro de familias mono-marentais da Estrada, á convocatoria para cubrir a praza de conserxe do colexio de Oca, ás actividades do CEIP de Foxo sobre acoso escolar e protección da natureza, á reunión anual da primeira promoción de BUP 75-79 e ao éxito de inscricións da andaina solidaria de Santa Paterna. Ademais, a biblioteca municipal recibe unha nova sesión de ‘Filipa cos contos’ para os máis pequenos.
Nas comarcas, os tecores de Deza impulsan medidas para recuperar o coello de monte e mellorar o seu hábitat, mentres a CIG reclama ofertas que garantan o mantemento do emprego nas empresas do Grupo Campos.
⚽ E nos deportes, destacamos os bos resultados do Atletismo A Estrada no campionato zonal de campo a través, con presenza nos podios da categoría sub-14.
