RadioEstrada

Informativos Radio Estrada

Neste informativo repasamos a actualidade da xornada coa investigación dunha denuncia por unha presunta agresión sexual cometida por dous homes na Estrada. Ademais, contamos o proxecto para a posible instalación dunha nova gasolineira de autoservizo aberta as 24 horas na zona da Baiuca e a adxudicación, por parte da Xunta, das obras para construír 28 vivendas públicas na vila cun investimento de 4,7 millóns de euros.

Tamén falamos das axudas municipais ó emprendemento, das que máis da metade beneficiaron a mulleres e negocios situados no rural, así como dos asuntos que abordará esta noite a Comisión de Facenda, entre eles modificacións nun préstamo e no orzamento municipal. Repasamos tamén a constitución da Xunta Electoral para as próximas eleccións xerais, a proposta de BNG, PSOE e Móvete para retirar do rueiro os nomes de Calvo Sotelo e IRYDA, e o inicio da campaña de vacinación da gripe para nenos de ata once anos.

No ámbito cultural, achegámonos ó Ciclo Mestre Mateo, que levará ós Minicines Central as curtas finalistas destes premios con entrada gratuíta.

Nas comarcas, informamos do falecemento dun motorista de 52 anos tras unha colisión cun tractor en Dozón, do concurso aberto pola Xunta para investigar posibles recursos mineiros en 2.600 hectáreas da comarca, dos éxitos da Banda de Música Municipal de Silleda no Certame Galego de Bandas e da posta en marcha dun novo club de xadrez no IES Pintor Colmeiro.

⚽ Na información deportiva, destacamos o dobre ouro de Marcos Puga no Campionato de España de raid hípico, os cinco títulos nacionais conquistados por Miguel Pereira en culturismo, a participación de Iziar Barcala no Mundial júnior de bádminton e o título galego sub-20 por equipos acadado por Carla Pintor co Ourense Atletismo.

Tamén falamos do inicio das obras de renovación do Novo Municipal, que obrigarán ó Estradense a disputar de maneira temporal os seus encontros no Manuel Regueiro, da nova vitoria do conxunto de Manuti fronte ó Racing Vilalbés (1-2) e do repaso completo ós resultados deportivos da fin de semana da man de Rafa Vázquez. Pechamos coa recuperación do cross escolar da Estrada, que se celebrará mañá tras o seu aprazamento no mes de setembro.


https://www.ivoox.com/informativos-radio-estrada_mf_182100251_feed_1.mp3

Scroll al inicio