No informativo de hoxe falamos das novas reunións veciñais convocadas polo Concello para explicar o trazado da liña eléctrica e as posibilidades de alegación, que terán lugar no Foxo e en Ouzande. Tamén abordamos a entrada da Estrada en situación de seca prolongada, a apertura do prazo para as actividades de prevención da dependencia e a convocatoria dunha nova edición do Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela.
Ademais, coñecemos a campaña promovida polo Concello en Santiago para atraer novos residentes, repasamos as novidades da Festa do Porquiño de Fernando Conde e achegámonos á Mostra de Teatro Afeccionado de Orazo.
Nas comarcas, falamos da condena por agresión sexual a unha menor en Lalín, do rescate dunha condutora atrapada tras un accidente na N-525 en Silleda, do achado dunha posible necrópole medieval durante as obras da Praza da Igrexa, da reclamación para recuperar o profesorado de Latín e Grego no IES Marco do Camballón e das demandas do PP de Cuntis para mellorar o campo da Ran.
⚽ Nos deportes, destacamos a presentación do proxecto “Adestrar sen pantallas, gañar en saúde”, a previa futbolística da fin de semana coa visita da Estradense ao campo do Celtiga, a participación de dúas deportistas do CNS A Estrada no Campionato de España por comunidades e a celebración da Final das Games Series Hybrid nas pistas municipais de atletismo.
