Actualidade intensa na comarca da Estrada. O alcalde Gonzalo Louzao mantivo unha reunión co conselleiro da Presidencia, Diego Calvo, na que se avanzou na recuperación dos antigos xulgados e no compromiso da Xunta con novos servizos, eficiencia enerxética e melloras no firme. O municipio tamén reforza a cardioprotección deportiva coa renovación de dous desfibriladores no Novo Municipal e en Callobre.
No ámbito político, o BNG acusa o PP de “enganar” á veciñanza da PO‑213 ao presentar como reforma o que consideran un simple remendo. Ademais, o Concello deu a coñecer a imaxe do Ano Cultural 2026 e a Estrada toma protagonismo no “Camiño da Sidra”, unha iniciativa que une Asturias, Galicia e Euskadi. Tamén se anuncia a segunda edición dos Premios Rebumbio, que regresan o 16 de abril para recoñecer a comunicación dixital local.
Nas comarcas, o BNG alerta de que o regreso das pezas de Carboeiro podería ser só unha cesión temporal. Silleda licita melloras en catro locais sociais do rural, Cuntis coordina con Medio Rural novas accións de prevención de incendios, Portas homenaxea a Concepción Pérez Iglesias dando o seu nome á antiga casa consistorial, e a Deputación mantén aberto o prazo para participar en Xuventude a Máis, con máis de cen obradoiros para a mocidade.
En deportes, Touro abre inscricións para a XII Marcha BTT Río Ulla, prevista para o 22 de marzo con dúas rutas polo entorno do río.
